cesantesO planeamento urbanístico municipal vixente na actualidade no concello de Redondela son as Normas Subsidiarias de Planeamento (en adiante NSP), que foron publicadas no ano 1988, co que xa teñen unha antigüidade de 27 anos.

Como é obvio, ao longo de todo este tempo as necesidades do municipio cambiaron moito, e no contexto actual, existen novos retos por encarar, así como novas demandas ás que dar solucións. Os Plans realizados nos anos 80 do pasado século compartían unhas expectativas de crecemento urbano desmesuradas, ao tempo que presentaban unha importante desvinculación cos nucleos históricos e carencias nas reservas de espazos verdes e equipamentos.

Por este motivo, a redacción dun PXOM para Redondela xurde como unha tarefa imprescindible e que grazas á participación activa da cidadanía, garantirá o desenvolvemento territorial futuro adaptado ás necesidades reais do conxunto da veciñanza.